venres, 19 de xaneiro de 2018

Desencadeamentos da Revolta

A gran guerra irmandiña de 1467 estivo precedida de múltiples revoltas en certas zonas e localidades. Segundo algúns historiadores, como Carlos Barros Guimeráns, a primeira revolta organizada como Irmandade na Baixa Idade Media galega é a de 1418-1422 en Santiago de Compostela.

A Irmandade Fusquenlla tivo lugar en 1431, con Roi Xordo á fronte, nas terras dos Andrade. Xurdiu máis tarde, en 1451, a "primeira irmandade" nas rías de Pontevedra e Arousa. Despois xurdiron as irmandades da Coruña e Betanzos, seguidas das de Santiago de Compostela, Muros e Noia de 1458.

Agresividade dos señores. 

A nobreza galega vivía un século XV de conflitos e confrontación internas. Á intranquilidade xerada por tal serie de conflitos sumábanse os efectos negativos da epidemia de 1466, así como anteriormente a peste e as malas colleitas, que provocaron ademais unha caída de rendas da nobreza, o que derivou nunha actitude recadadora agresiva para contrarrestar esta diminución.

Entre as vítimas desta rapacidade da nova nobreza encontrábase tamén o clero. Mesmo parte do patrimonio e señoríos de mosteiros e catedrais estaban ocupados ou encomendados en 1467. De feito a Irmandade devolveu á igrexa moitos dos bens usurpados pola nobreza laica.

venres, 12 de xaneiro de 2018

Pardo de Cela

Pedro Pardo de Cela Aguiar e Ribadeneira, coñecido como don Pedro Pardo de Cela, naceu en Betanzos cara ao 1425 e foi executado en Mondoñedo o 3 de outubro de 1483, decapitado diante da catedral mindoniense por mandato do gobernador do reino nomeado polos Reis Católicos.

Segundo fillo de Xoán Nunes Pardo de Cela, o Vello, comendeiro do bispado de Mondoñedo, e de Teresa (ou Violante) Rodríguez de Aguiar, ao falecer o seu irmán herdou as propiedades e privilexios da familia. A súa posición mellora ao casar coa filla do Conde de Lemos, Isabel de Castro, que viñera co seu tío, Pedro Enrique de Castro, bispo de Mondoñedo (1426-1445) á cidade episcopal, onde Pardo de Cela era meiriño, en representación da Casa de Lemos. O bispo deulle en dote de voda todas as rendas do bispado, agás as que necesitaba para o seu sustento.

Falecido o bispo en 1445, Pedro Pardo marchou a Viveiro, onde chegou a ser alcalde (a mención máis antiga que se ten del é unha sentenza de 1464 en que se titula alcalde de Viveiro e comendeiro do bispado) e en 1474 xa ten o título de Mariscal. Foi un dos seus máis acérrimos inimigos dos irmandiños e tivo que fuxir de Galicia até a restauración nobiliaria. Da súa ferocidade dá conta a famosa frase referida por Pedro Paxariño no preito Tabera - Fonseca, onde Pardo de Cela lle di ao Conde de Lemos que aforque todos os seus servos:

... e dize el dicho testigo que al dicho tiempo Pardo de Cela, mariscal, dixera al dicho Conde que inchiese los carballos de los dichos basallos, e quel dicho Conde dixera que no queria, que no se abia de mantener de los carballos 

Ao finalizar a revolta co restablecemento da nobreza e da Santa Irmandade, aínda ficaron preitos pendentes, xa no 1467 a Condesa de Santa Marta queixábase á irmandade:

... Pedro Pardo e Diego Dandrada, fijo de Ferán Peres Dandrada, injustamente e por fuerça e contra voluntad mia e del dicho conde, mi fijo, nos çercaron e tomaron la nuestra villa e fortalesa de Santa Marta de Hortigueira... e nos la tienen asy tomada... 

 En 1469 o mesmo Concello de Viveiro enviou unha relación ao rei, na que se queixaban da violencia dos nobres:

...agora el Conde de Lemos ... et Pedro Pardo ... et otros algunos caballeros et comenderos, con favor de Juan de Vivero et de otros caballeros que fueron en desfacer la hermandad, fazen a la villa y vezinos della toda guerra et mal et daño, robandoles las iglesias et prendiendolos et rescatandolos. 

A raíña Isabel era curmá de Isabel de Castro, a muller de Pedro Pardo. Á morte de Henrique IV de Castela, a maioría da nobreza castelá apoiou a causa de Isabel de Castela, acusando á filla do rei, Xoana, de ser filla ilexítima de Beltrán de la Cueva e alcumándoa la Beltraneja. A nobreza galega en xeral apoiou á herdeira máis lexítima que ademais supoñía a unión dos reinos de Castela e Portugal fronte á unión con Aragón. Pardo de Cela, xunto coa súa familia política e o bispo Alonso I de Fonseca, puxéronse da parte de Isabel, e parece que o mariscal chegou a combater en Zamora. Participou tamén xunto a Fonseca no cerco a Pontevedra de 1476.

Aínda asi, en 1480 chega Fernando de Acuña con ordes claras dos Reis de pacificar o reino e restabelecer os dereitos usurpados, como lle escribiu a raíña ese mesmo ano:

en el reino de Galicia ay muchas fortalezas roqueras e otras casas fuertes en que se an fecho muchos daños, e robos, e muertes... por ende mandamos que todas las fortalezas e casa fuertes que bos entendierades que son dañosas.. sin dilaçión alguna las tomedes e derribedes 

Asustado ante o perigo que corre a súa vida, pide unha carta de "seguro e amparo" aos Reis e refúxiase na Fortaleza da Frouseira, onde se fai forte e derrota decote ás tropas castelás. A raíña confirma en carta a Fernando de Acuña o 4 de novembro de 1480 a fidelidade do seu vasalo:

los buenos e leales serviçios que Pedro Pardo de Cela, mi vasallo, a fecho e face cada dia

Aínda así a súa persecución continúa. En 1483 cae a fortaleza da Frouseira e o 7 decembro é detido na casa de Fonsa Yáñez en Castrodouro (no actual concello de Alfoz, Lugo) e lévano preso a Mondoñedo, onde dez días despois lle cortan a cabeza "por cruel e poderoso", segundo palabras do Poder Real.

venres, 5 de xaneiro de 2018

Irmandiños en Vilalba

Pois co xogo recén saído da imprenta levámolo a Vilalba a unha actividade de xadrez... e así temos este cartel do xogo coa torre de Vilalba, erguida por Diego de Andrade a través da xanela.
Un bó sitio para a primeira visualización do xogo rematado.

venres, 29 de decembro de 2017

E por fin temos o xogo

Pois case finalizado o ano recibimos os xogos elaborados por INCUDE grazas á axuda da Deputación da Coruña e da Vicerreitoría de Estudantes da UDC.

Un xogo cunha imaxe moi profesional que iremos distribuíndo nos próximos días.

Tentaremos que o xogo sirva para dar a coñecer a historia dos irmandiños dun xeito lúdico.

venres, 22 de decembro de 2017

Castelo de Castro Caldelas

O castelo de Castro Caldelas é unha fortaleza medieval situada no cumio de Cima de Vila (Castro Caldelas), sendo o seu monumento máis emblemático; pertenceu á casa de Lemos.

Da construción orixinal consérvanse as murallas, tres torres, a casa do administrador e o patio de armas cun alxibe, pero non o foxo que en tempos debeu rodear o recinto.

Non se conserva documentación sobre a construción da fortaleza. En 1336 o castelo foi reconstruído por Pedro Fernández de Castro para dominar os seus novos dominios regalados polo rei Afonso XI. En agosto de 1469, durante a gran guerra irmandiña, as tropas ó mando de Diego de Lemos asediaron e derrubaron o castelo. Unha vez derrotados e represariados os irmandiños, e logo de pacificar a zona, foi mandado reconstruír de novo por Pedro Álvarez Osorio, coa man de obra gratuíta dos vasalos obrigados. A veciñanza presentou un preito pola forte suba de impostos, fallando a favor do pobo a Real Audiencia de Valladolid 167 anos despois.

En 1560 remátase a reconstrución do castelo, segundo consta na inscrición da porta das carruaxes. A restauración fíxose á moda renacentista, e incluíuse un pazo no interior do castelo. Por un lado é un edificio militar e por outro un edificio para vivenda.

En 1794 o señorío de Lemos incorporouse por vía matrimonial á casa de Alba. O castelo estivo habitado até o século XIX por Sol Stuart, parente dos Duques de Alba. En 1991 a casa de Alba cedeu o castelo ó concello de Castro Caldelas con fins culturais. O 17 de novembro de 1994 foi nomeado ben de interese cultural.

venres, 15 de decembro de 2017

Diego de Lemos

De Diego de Lemos, Señor de Sober, Amarante e Ferreira, descoñecemos cando naceu, se ben sabemos que era fillo de Alonso López de Lemos e Balboa, señor de Sober e Pantón. Morreu en Ferreira de Pantón en 1492. Foi un aristócrata da nobreza media, e un destacado dirixente irmandiño.

Ao fronte dunha parte dos sublevados, Diego de Lemos derrubou o Castelo de Castro Caldelas, despois reconstruído. No ano 1467, dentro desta Gran Guerra Irmandiña, comandou xunto a Pedro Osorio e Afonso de Lanzós un exército de fidalgos e campesiños que conseguiu devastar numerosas fortalezas, principalmente da casa de Andrade.

Acudiu a Pontedeume en axuda de Afonso de Lanzós, pero este fuxira, e Pedro Madruga invitouno a abandonar a loita.

O seu sepulcro está no Mosteiro de Santa María de Ferreira de Pantón.

venres, 8 de decembro de 2017

Rocha Forte

O castelo da Rocha Forte foi o castelo medieval máis emblemático da mitra compostelá, entre o ano 1240 ao 1467, ano no que foi destruído ata os seus alicerces polos irmandiños. Nel tiveron lugar feitos moi sinalados da historia de Compostela.

A Rocha convertérase nun edificio odiado polos labregos da zona. Os soldado do arcebispo agrupados no destacamento da Rocha roubaban o gando, secuestraban labregos para esixirlles rescate e violaban mulleres. As denuncias quedaron rexistradas no Libro do Concello de Santiago e máis no Preito Tavera-Fonseca.

Por estes motivos in dos primeiros obxectivos da Irmandade en Compostela foi o Castelo da Rocha Forte, xa que simbolizaba máis que calquera fortificación o poder do arcebispado de Santiago e símbolo da opresión feudal, polo que foi atacado por gran cantidade de xentes (sobre 11.000 persoas, baseándonos de novo nas testemuñas do Preito Tabera-Fonseca) e derrubado.

Foi unha das primeiras fortalezas en seren derrubadas polas Irmandades durante a Gran Revolta Irmandiña e, ao contrario doutros moitos, nunca foi reconstruído. Grazas a que se atoparon restos de munición de catapulta no interior do recinto, sábese que os Irmandiños utilizaron este tipo de artillería.

venres, 1 de decembro de 2017

Estalido

Por que estala na primavera de 1467 a insurrección galega da xente común? Os de abaixo, din eles mesmos, "non podían resistir" os agravios e as violencias e os tributos dos señores das fortalezas; os de arriba, con evidencia, non podían seguir gobernando da mesma maneira que no pasado.

Hai que dicir que a anarquía nobiliar é anterior ao levantamento xeral dos vasallos contra os seus señores. Resulta incuestionable a incapacidade histórica da nobreza galega, a finais da Idade Media, para gobernar o reino e exercer o seu dominio social sen  unha violencia física desmesurada, respectando costumes  e leis, isto é, conservando o respecto dos seus vasallos, o apoio da Igrexa, e, sobre todo, a unidade da clase señorial galega e o amparo da monarquía castelá. A revolución irmandiña é a consecuencia do fracaso irreversible dunha clase dirixente.

Carlos Barros

venres, 24 de novembro de 2017

Vicetto

Os irmandiños gobernaron o reino de Galicia entre 1467 e 1469: é a única vez na historia de Galicia que a xente común protagoniza, en grao remarcarble, un acontecemento ao cabo vitorioso. Estas características, protagonismo campesiño-popular e resultados positivos, definen como extraordinarios dos sucesos de 1467-1469.

Nada foi igual en Galicia tras o paso do furacán irmandiño. O historiador Benito Vicetto, descubridor da importancia histórica do levantamento galego de 1467, caracterízao, en 1872, como "a epopea máis grande e admirable que rexistran nos seus anais todos os antigos reinos da antiga Iberia", e desde logo non lle falta razón, incluso contando coa esaxeración que encerra a frase, froito do entusiasmo persoal do noso romántico liberal. A realidade é que a revolución irmandiña é unha das revoltas sociais que mellor expresan en Europa a crise do mundo medieval e a orixe da modernidade; seguramente, a primeira revolta popular en canto a posibilidade de dispor documentalmente do punto de vista dos seus actores.

Texto de Carlos Barros

venres, 17 de novembro de 2017

Os carteis do xogo

O xogo vai avanzando, pasiño a pasiño, cara a súa presentación no mes de Nadal. Grazas ao noso ilustrador o xogo vai quedando cun aspecto moi profesional, e os carteis que o anuncian non son menos vistosos.
Este que mostramos é un deles.

venres, 10 de novembro de 2017

Irmandade Fusquenlla

A Irmandade Fusquenlla foi unha irmandade formada en 1431 nas terras de Nuno Freire de Andrade, alcumado O Mao, por mor da extrema dureza con que trataba os seu vasalos. Así a revolta nace entre Pontedeume e Betanzos, pero acaba por estenderse a outras comarcas dos bispados de Lugo, Mondoñedo e Santiago. Ao fronte da revolta estaba Roi Xordo, un fidalgo da Coruña ou Ferrol.

Os séculos XIV e XV son dunha gran conflitividade social. Sucédense diversos enfrontamentos protagonizados polos veciños das cidades de Compostela (a irmandade de Roi Sánchez fundada en 1418 rebélase no 1421 contra o bispo), Ourense (en 1419 unha revolta acaba coa morte do bispo), Lugo e Tui contra o señorío episcopal.

No ano 1431 nas terras de Nuno Freire de Andrade, o Mao, e con motivo da visita do infante Henrique de Aragón a Galicia, o Andrade impón unha nova taxa. A reacción dos seus vasalos ante este novo exceso é inmediata: os viláns, capitaneados por Roi Xordo, derruban algunhas casas fortes, viñas e hortas aos Andrade, estendendo despois as súas accións a comarcas enteiras. Así, tras pórlle lume e derrocar parte do castelo de Betanzos, os irmandiños tentan atacar Compostela, onde fuxira Nuno Freire coa familia. Alí as tropas do arcebispo fanlles fronte e deben retirarse. Sabedores do regreso dos Andrade ao castelo de Moeche, os irmandiños marchan cara el para pórlle sitio, pero son derrotados na batalla do Eume.

En principio a revolta irmandiña de 1431, é outro dos varios enfrontamentos entre as “clases medias” e os grandes señores que se dan na etapa de crise baixomedieval. Mais a dimensión que acada a revolta mereceu o título de primeira guerra irmandiña, aínda sen chegar á xeneralización da guerra que se produciu no 1467.